Medias
Denomínase medias ás pezas que cobren as pernas, desde os pés ata a media polpa ou ata a media coxa. Adoitan ser de tecido sintético (lycra, nailon) e a súa función é protexer do frío ou simplemente estética. Para suxeitarse levan unha banda elástica chamada liga, aínda que antigamente ían suxeitas cunha amarralla. Moitas veces esta liga está adornada con encaixe.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/3d/Nylon_stockings.jpg/200px-Nylon_stockings.jpg)
As medias foron relegadas polos pantys debido a que son máis cómodos e fáciles de poñer e protexen máis do frío. Ademais, non requiren de ligueiro como a medias, aínda que hai medias que tampouco requiren ligueiro e suxéitanse soas.
Os pantys adoitan ser considerados menos estéticos que as medias. Aínda así, son moito máis usados, chegando a referirse a eles tamén como medias.
Historia
editarO seu nome completo sería o de medias calzas pois as antigas calzas cubrían desde a cintura ata os pés, e as medias soamente a metade que as calzas.
A mesma raíz calc- está presente en calceus, nome latino da peza de vestir que se axustaba ao pé e que, dado que os romanos non usaban calcetíns, era o zapato; este é a orixe de palabras tan frecuentes como calzado, calzar, calzador e descalzar. Cando os romanos adoptaron dos pobos xermánicos o uso das medias, denomináronas cun derivado de calceus: calcea (calzas). Durante a Idade Media, as calzas fóronse levando cada vez máis longas, ata cubrir desde os pés ata a cintura. No século século XVI esta peza dividiuse en dúas partes, a superior, que cubría o abdome e parte das coxas, recibiu en galego o nome de calzas ou calzóns. A parte inferior chamouse calcetas ou medias calzas. As calcetas foron reducindo o seu tamaño ata os actuais calcetíns, que apenas chegan ao papo; as medias calzas, en cambio, abreviado xa o seu nome a medias e restrinxido o seu uso ao sexo feminino, seguen cubrindo por encima do xeonllo.
Antigamente as medias eran de la calcetada[1], e as finas tecíanse con seda, pero ao descubrirse o nailon e cortarse o fornezo do seda do Xapón na primeira guerra mundial, estendeuse o uso de medias de nailon. Que tampouco duraron moito, xa que na segunda guerra mundial a produción de nailon destinouse a facer paracaídas.
Nos 50 Wolford conseguiu fabricar as medias sen costura. Hoxe en día aínda se seguen fabricando algúns modelos con costura por motivos estéticos.
Tipos
editar![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/40/FlapperIdaho.jpg/150px-FlapperIdaho.jpg)
Actualmente, grazas á tecnoloxía hai moita variedade de modelos e prezos. Hai medias de todos os grosores, cores e estampados. Algúns tipos son:
- Medias de rede: son medias que no canto dun tecido uniforme son unha especie de rede. Á parte da forma romboidal, hai outras como a hexagonal e outras máis complexas.
- Medias con costura: actualmente as medias non adoitan levar costura, pero algúns modelos si o levan por motivos estéticos.
- Medias cubanas: son medias con costura e reforzo na planta.
- Medias caladas
- Medias de verán: medias que dan menos calor, para o verán.
- Medias térmicas: medias que dan máis calor, para o inverno.
- Minimedias: son medias do tamaño dun calcetín. Adóitanse usar con pantalóns.
- Medias con autosuxeición: son medias que non necesitan ligueiro. Actualmente adóitase utilizar unha tira de silicona para mellorar a suxeición.
- Medias de encaixe
- Pantys: cobren toda a perna ata a cintura. Algúns pantys simulan un ligueiro e un par de medias nunha soa peza.
Na cultura popular
editar- Ai aldea de Soar,
- non é unha que son todas,
- poñen dous pares de medias
- para ter as pernas gordas [2]
Notas
editar- ↑ Xaquín Lorenzo Os oficios. Galaxia, 1983, páxina 275
- ↑ CASTRO, Xavier: Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX. Nigra Trea, Vigo 2007. Soar é lugar de San Lourenzo de Moraña (Moraña, Pontevedra).
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Medias |