Felix Klein
Felix Christian Klein, nado en Düsseldorf o 25 de abril de 1849 e finado en Gotinga o 22 de xuño de 1925 foi unmatemático alemán que demostrou que as xeometrías métricas, euclidianas ou non euclidianas, constitúen casos particulares da xeometría proxectiva. En 1872, presentou unha notable clasificación da xeometría, o "programa de Erlangen", que puxo fin á escisión entre xeometría pura e xeometría analítica. Nesta clasificación o concepto de grupo desempeña un papel fundamental, xa que o obxecto de cada xeometría convértese no estudo do grupo de transformacións que a caracteriza.
Do mesmo xeito que Bernhard Riemann, Klein consideraba a teoría de funcións de variable complexa como unha teoría xeométrica e traspasou directamente o concepto á física. O seu estudo das funcións modulares segue a ser esencial para os investigadores.
Profesor da universidade de Gotinga (1886), foi o fundador da "Grande Enciclopedia das matemáticas" (1895) e un dos avogados e artífices da renovación do ensino das matemáticas nos estudos secundarios. Klein foi ademais un importante organizador de grupos científicos e de actividades docentes en equipo. Está considerado como un dos principais contribuíntes a que Gotinga se transformase nun importante centro para o desenvolvemento da matemática en Europa. Tamén foi fundador de varias escolas de matemáticas en Alemaña.
Leva o seu nome a soada garrafa de Klein, superficie cunha soa cara.
Traxectoria editar
Klein estudou en Bonn e foi discípulo de Rudolf Lipschitz e Julius Plücker, de quen máis tarde foi o seu asistente. Tras a morte de Plückers, Alfred Clebsch asumiu o labor editorial da súa obra inconclusa e delegou en parte este traballo ao talentoso Klein. Klein obtivo o seu doutoramento en 1868 baixo a titoría de Lipschitz cun tema de xeometría aplicada á mecánica.[1]
En 1869 estivo na Universidade de Berlín e asistiu alí a unha cátedra de Leopold Kronecker sobre formas cuadráticas. Participou nos seminarios de Ernst Eduard Kummer e Karl Weierstrass, onde tamén coñeceu a Sophus Lie, con quen estableceu amizade e estivo en 1870 en París en viaxe de estudos. Debido á guerra franco-prusiana regresou a Alemaña. Obtivo o grao e a habilitación como profesor en 1871 con Clebsch en Gotinga e permaneceu alí entre 1871 e 1872 como docente privado.
Por xestións de Clebsch obtivo en 1872 un chamamento como profesor en Erlangen. A traxectoria da súa carreira levouno en 1875 á Universidade Técnica de Múnic. Nese mesmo ano contraeu matrimonio con Anna Hegel, unha neta de Georg Wilhelm Friedrich Hegel.
No ano 1880 Klein recibiu o requirimento de ir a Leipzig como profesor de xeometría. Neste período de Leipzig tivo lugar a súa etapa creativa máis produtiva cientificamente. Así, mantiña correspondencia con Henri Poincaré e dedicábase simultaneamente á organización da docencia. Esta dobre carga de traballo conduciu finalmente a un colapso corporal. En 1886 aceptou un nomeamento en Gotinga, onde permaneceu até a súa morte. Aquí dedicouse sobre todo e intensivamente ás tarefas de organización científica, mentres David Hilbert, quen fora chamado a Gotinga grazas á súa xestión en 1895 continuou expandindo a fama de Gotinga como un dos centros mundiais da matemática daquel entón. En 1914 obtivo o premio Ackermann Teubner. Desde 1908 representou a Universidade de Gotinga na Cámara do Parlamento de Prusia. En 1924 Klein foi nomeado membro honorario do DMV, sendo o seu presidente en 1897, 1903 e 1908. Foi sepultado no Cemiterio da cidade na rúa Kasseler Landstraße de Gotinga.
Notas editar
- ↑ Felix Klein Arquivado 07 de xuño de 2017 en Wayback Machine. en Mathematics Genealogy Project
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Felix Klein |
Ligazóns externas editar
- Nota biográfica Arquivado 24 de abril de 2017 en Wayback Machine.
- O'Connor, John J.; Robertson, Edmund F. "Felix Klein". MacTutor History of Mathematics archive. University of St Andrews..