Volinia[1] (en ucraíno: Волинь, Volyn; en polaco: Wołyń; en ruso: Волынь, Volyn’; tamén chamada nalgúns textos Volynia ou Volhynia e, en certos momentos da historia, Lodomeria) é unha rexión histórica do oeste de Ucraína localizada entre os ríos Prípiat e Bug Occidental, ao sur de Polesia, até o norte da rexión centroeuropea de Galicia e de Podolia.
Os protoeslavos diferenciáronse dos celtas e os xermanos nun longo período que vai do III milenio a. C. ao (aproximadamente) ano 1000 a.C. Desde o primeiro milenio antes da nosa era xa se encontran os tazos culturais que caracterizarían aos eslavos, conxunto étnico que tivo un dos seus primeiros asentamentos en Volinia.
A primeira mención histórica da cidade de Halicz (actualmente Halych) data de 981, cando a Rus de Kíiv anexionou Volinia. En efecto, o inicio da historia escrita de Volinia coincide co de Galitzia (rexión que recibiu o seu nome precisamente do da cidade de Halych) ao xurdir o Principado de Halych-Volynia (Principado de Galicia-Volinia); o nome de Volinia deriva do territorio correspondente á cidade de Volodymyr. Estes dous Estados fusionados (xeralmente co nome de principado de Vladímir) sucederon á Rus de Kíiv do século XII ao XIV.
En 1916, durante a primeira guerra mundial, Volinia (xunto coas rexións circundantes) foi invadida polo Segundo Reich. Tras a revolución rusa de 1917 e a conclusión formal da primeira guerra mundial, o territorio de Volinia foi un dos campos de batalla entre diferentes forzas: os comunistas do Exército vermello, os anticomunistas "brancos", os nacionalistas ucraínos, os nacionalistas polacos...
Contra 1920 o territorio estaba baixo dominio dos soviéticos, quedando formalmente sancionado tal control polos límites orientais outorgados entón a Polonia mediante a liña Curzon, pero en 1921, tras a Guerra polaco-soviética practicamente toda a metade occidental de Volinia pasou a formar parte do Krezy polaco, co nome de voivodato polaco de Volinia. Como reacción á ocupación da rexión occidental por Polonia, Stalin deportou entre 1935 e 1939 aos poboadores polacos de Volinia Oriental, o que constituíu a primeira deportación étnica na historia da URSS.[2]
Desois ds desintegración da Unión Soviética en decembro de 1991, a óblast soviética de Volyn formou parte da Ucraína independente. Dentro dela, Volinia apoiou a revolución laranxa de 2004, en contraste coas rexións orientais e meridionais do país.
↑Nikolaï F. Bugaï, Les Déportation des peuples d’Ukraine, de Biélorussie et Moldavie, Hg. v. Dittmar Dahlmann et Gerhard Hirschfeld, Essen, 1999, pp. 567–581.